sábado, 5 de marzo de 2016

MetroMinutoMonforte:M3

Monforte de Lemos é unha cidade asequible para visitar a pé, non ten rutas longas e os principais monumentos están próximos. Pero para os residentes, ademais dos monumentos hai outros puntos de interese que convén coñecer como os colexios, hospitais, farmacias, ... Partindo desta idea, e como actividade de aula, alumnado de diferentes cursos traballan na elaboración de mapas temáticos sinópticos que toman como referente o metrominuto da cidade de Pontevedra.
A día de hoxe están publicados dous metrominutos desta colección, que por ser de Monforte bautizamos co pseudónimo M3, un mapa escolar e un mapa de emerxencias.
O primeiro ten como puntos temáticos os centros educativos que figuran na web da Consellería de Educación, aos que se engaden centros infantís, garderías, a sede da UNED e a Biblioteca.

O segundo ten como puntos temáticos as farmacias, os lugares con desfibrilador, o Centro de Saúde e o Hospital. A información obtívose da web do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo e do SAU (Servizo de Atención a Usuarios do 061) a quen agradecemos a súa colaboración enviándonos a listaxe dos desfibriladores que hai en Monforte de Lemos.

Os mapas, así como outra información de interese, pódense descargar en pdf y jpg do cartafol que está neste enlace. Este contén tamén un kml co mapa de centros educativos e unha folla de cálculo coa explicación do significado das iconas, cálculos feitos que aparecen redondeados no mapa, e enlaces a datos pormenorizados de cada centro.




Os alumnos de 4º de ESO na materia de informática están a elaborar unha app (M3FARMACIAS) para o sistema Android que ofrece, entre outros, a posibilidade de saber as farmacias de garda da provincia e teléfonos de urxencias. O enlace figura tamén no QR do reverso do mapa de emerxencias.